lunes, 28 de abril de 2008

maio 2008

REVITALIZAR O MAIO : UN TRABALLO DE DIGNIFICACIÓN DO NOSO PATRIMONIO INMATERIAL
Unha vez máis en pleno século XXI unha festa ancestral marcará como todos os anos o comezo da primavera en Vilafranca e no Bierzo. Unha festa popular e participativa, unha festa distinta que vén a rachar coas tebras do escuro inverno. Unha festa que abre as portas e achega aos balcois de todas as casas da vila medieval un rito sinxelo, acompañado dunha sinxela melodía e uns cantos tamén sinxelos que todos os nenos e nenas coñecen a pesar de ser unha vella letra.

Todos a repiten desde non se sabe canto tempo. Aí está outra vez un maio mozo, un maio humano apañando as castañas maiolas como parte dun rito que soubemos conservar para o futuro, porque de tantos que había noutras vilas do norte, especialmente en Galicia, en todas elas desapareceu haiche ben de tempo. A casualidade e a fidelidade á tradición fixeron preservar unha reliquia viva do noso calendario tradicional, un verdadeiro símbolo desta tipoloxía de festexos e un modelo ideal para o tan cacareado turismo alternativo ou cultural que converte a Vilafranca, por outro motivo máis, nun lugar de referencia na comarca, para veciños e visitantes.
Para que a memoria se cultive, pola dignificación do costume e como agradecemento aos que traballaron arreo para que o maio siga vivo, este ano presentamos un traballo de recompilación de imaxes, un DVD, especialmente da Festa do Maio destes últimos 30 anos como documento que constata os esforzos realizados para revitalizar este costume e como testimuña do mesmo de cara o futuro. É unha mostra do orgullosos que estamos de manter en Vilafranca esta tradición viva, esta festa que é de todos e que todos contribuímos a que sexa parte da nosa identidade, un fermoso tesouro do noso patrimonio inmaterial.

No hay comentarios: