lunes, 18 de mayo de 2009


Marzos airosos, abriles chuviosos
mayo otra vez…
Antonio Pereira
  • ANTONIO PEREIRA NO MES DAS LETRAS …………………………………….………IN MEMORIAM
    Chega o maio outra vez, de sempre mes de flores, amores e letras. Vén o maio outra vez tal e como reclamaba Antonio Pereira, coa voz dun poeta de abril, coa voz de eterno adolescente que evocaba as coplas tan populares do noso maio nun dos seus fermosos poemas. Como a tradición, o pasado e a memoria son os que constrúen a historia, neste Día da Letras Galegas quixeramos acordarnos dun home, amante das tradiciois, de xeneroso carácter e memoria, á vez de humilde talante que se recoñecía hai anos nun mes de maio "mutilado"en certo modo ao anhelar poder usar esa lingua, tamén de xentes sinxelas, que soa de vello nas rúas da súa vila. Daba así, dun xeito sincero, a benvida a presenza do galego nas escolas do Bierzo unha garantía do futuro do porvir dunha fala popular e entrañable que forma parte da esencia do ser berciano e Antonio Pereira, na súa alma de poeta, sabía perfectamente que era ser berciano.
    Antonio Pereira deixounos neste mes de abril para xuntarse con Cunqueiro. Coincidimos coas declaraciois dun amigo e bo coñecedor dos dous literatos, o cantautor Amancio Prada. Cunqueiro e Pereira comparten un poético abril de mil primaveras, comparten tamén unha excelente xenialidade á hora de contar e, comparten, aínda que dun xeito ben distinto, o amor polo galego. Cunqueiro creou o seu mundo partindo dunha botica en Mondoñedo. Pereira desde a ferretería do seu pai na Cábila. A súa vila natal e os seus paisanos son materia imprescindible nos seus relatos. Si, Pereira era un autor leonés que construíu un universo literario cun marcado carácter berciano, como non podía ser menos. Dos numerosos titulares e columnas na prensa que nos recordaron a súa persoa e a súa obra nestes días ningún deixa de citar a ironía entre os trazos destacados da súa creación. Esa é certamente unha das máis significativas marcas do seu estilo intimamente próximo ao galaico. El desexaba publicar en galego, el en persoa confesaba ese desexo que foi desexo cumprido en vida pois hai uns anos xa, no 2003, ao ser editados por Galaxia, a editorial fundada, entre outros, polo lugués Ramón Piñeiro, os seus Contos da Cábila. Antonio Pereira escolleu unha cita do gran xeógrafo, historiador e excelente narrador Otero Pedrayo na que fala do Bierzo como un "espléndido val fechado por altos cumes…país de fonda vida agrícola e de rica e dramática historia".
    Anos antes, era o ano 1994, solicitaramos del un dos seus contos para editar en galego para os rapaces do Bierzo. Accedeu gustoso e aquel conto saíu en abril da imprenta cara muitos centros de educación do Bierzo baixo o título xenérico de CONTOS DE MAIO. Daquela nas aulas ninos bercianos leron en galego un conto de Pereira. Era compañeiro doutro conto dun maxistral autor galego, octoxenario xa como el e de saúde delicada, mais aínda vivo, Bernardino Graña.
    Fixemos daquel conto unha tradución normativa a petición do autor. "A vara", ese é o seu título, falaba dunha viaxe cara a un Lugo en plenas festas de San Froilán. Era unha anécdota en gran medida biográfica ben parecida á que relata da súa infancia o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Ramón Piñeiro, que era de Láncara e tamén realizou con motivo da mesma festa unha viaxe, esta en tren, cara a cidade das murallas romanas mellor conservadas de Europa. Non debemos tampouco omitir que na edición daquel conto, por expresa petición de Pereira, levaba por diante estas palabras explicativas moi ben medidas propias dun home amigo da orde, pero disposto á irreverencia ao mesmo tempo e que resumen moi ben cal era o seu sentir cara o galego. Antonio Pereira dicía:
    "Este conto que terá que chegar aos lectores coa axuda dun tradutor, dedícollo aos nenos dos lugares do Bierzo que falan e entenden o galego. Cando eu andaba pola súa idade, resultábame familiar esta fala, na ferretería vilafranquina de meu pai, frecuentada por xentes sinxelas e recias. Pero ninguén me ensinou na escola con sistema e orde unha lingua entrañable que me gustaría usar na miña creación literaria, alternándoa co rico e case universal idioma de Castela.
    Pido que aos nosos rapaces de agora se lles aforre esta mutilación."
    Nos últimos anos era frecuente velo na praza entre os veciños e foráneos que gozaban co revivir da tradición dos maios e animábanos a seguir reclamando despois do marzo airoso e do abril chuvioso que entrase o maio coas súas flores outra vez, igual que no seu poema. É precisamente a súa poesía, non só a ironía da súa prosa, o que fan de Pereira un autor tan próximo ao mundo literario galego. Ramón Piñeiro dicía que o lirismo e a saudade eran parte esencial e definitoria do sentir galaico e, sen lugar a dúbidas, o noso Antonio Pereira sentíase poeta. Así o ten manifestado en varias ocasións, entre elas nun encontro singular que tivo co tamén magnífico prosista e singular poeta galego Méndez Ferrín. Era nun acto en Cacabelos con motivo do mes das Letras e en homenaxe a Fernández y Morales, onde insistía en definirse como poeta e considerarse home tendente ao lírico para liberar en verso o seu sentir máis íntimo.
    Invitamos a todos aqueles amigos da boa literatura e dispostos a enriquecerse co uso dunha lingua que é tan nosa, que fagan hoxe unha lectura dun dos seus contos en galego, como un fermoso e emotivo agasallo ao autor recentemente falecido e para festexar tamén así o Día das Letras Galegas. Quen non teña o libro pode facelo vía internet, tan só ten que poñer: " Contos da Cábila" no buscador. Sigamos, pois, o consello de Pereira e evitemos, xa que podemos, inútiles mutilaciois produto dunha dramática historia.
    Héctor M. Silveiro Fernández, 17 de maio de 2009

No hay comentarios: